Sunday 28 de April de 2024

O Centro Superior de Hostalería de Galicia continua a súa aposta pola internacionalización cunha misión en Brasil


O obxectivo do CSHG é ampliar a súa rede de contactos para mellorar a formación dos seus alumnos e ofertar a súa experiencia ás empresas brasileiras

A directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), Marta Fernández, viaxou a Brasil para continuar abrindo vías de traballo con entidades deste país co obxectivo de consolidar a internacionalización do centro de formación.

O obxectivo do CSHG é ampliar a súa rede de contactos para mellorar a formación dos seus alumnos e para ofertar a súa experiencia ás empresas brasileiras. Por un lado, búscase que os alumnos podan desenvolver prácticas ou traballar en establecementos deste país e, por outro, que o departamento de Consultoría e Formación do CSHG poda desenvolver proxectos para as empresas do sector turístico deste país.

Así, na súa viaxe, a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia mantivo un encontro coa Associaçao Brasileira da Indutria de Hoteis (ABIH) en Río de Janeiro e participou na II Semana de Estudos e Pesquisas da Gastronomía Española celebrada na Embaixada de España en Brasilia.

O CSHG representou, deste xeito, a Turismo de Galicia nesta semana gastronómica onde o chef Antonio Botana prepararou pratos españois que se serviron en todos os restaurantes do SENAC, o Servizo Nacional de Aprendizagem Comercial, ubicados nas 27 provincias do país.

Así mesmo, a directora do CSHG aproveitou a oportunidade de reunirse con responsables de titulacións universitarias de xestión hoteleira e cociña e con empresas do sector hostaleiro e participou nos talleres sobre gastronomía española impartidos a alumnos do SENAC.

A axenda desta misión incluíu tamén unha cea na Embaixada española que contou coa participación de autoridades e representantes empresariais brasileiros e españois no país.

Centro Superior de Hostelería de Galicia
O Centro Superior de Hostelería de Galicia é un centro con máis de 20 anos de experiencia que formou xa a máis de 2.000 profesionais que na actualidade traballan en máis de 80 países en postos directivos en compañías hoteleiras e turísticas de ámbito internacional.

Neste momento, conta con máis de 400 alumnos que se están a formar en xestión hoteleira e xestión en cociña.

O Centro Superior de Hostelería de Galicia acada cada ano unha inserción laboral superior ao 85% no ano seguinte de rematar os estudos.